Monday 29 de April de 2024

Últimas semanas para acometer o trampeo de inverno contra a velutina


 

Sábese que unha das maneiras máis efectivas de loitar contra a avespa asiática é a captura de raíñas no momento en que deixan o seu niño para pasar os meses máis duros do inverno. Por iso é moi recomendable reiniciar neste tempo un trampeo nos arredores de colmeares e lugares onde esta temporada se atopase algún niño secundario. Con todo, non hai aínda estudos científicos que reflictan o xeito en que a vespa velutina nigrithorax puido ter variado o seu ciclo reprodutivo e mesmo o seu comportamento para adaptarse ás peculiariedades climáticas e territoriais de Galicia. Isto provoca certa controversia científica en canto á idoneidade de trampear ou non, onde facelo e como facelo, e sobre o feito de que os dispositivos poden ser prexudiciais para outros insectos autóctonos. Por iso é necesario seguir as recomendacións do Ministerio de Transición Ecolóxica á hora de construír as trampas, observando os tamaños dos buratos e a impregnación do atraente cunha esponxa.

Neste documento aloxado na web do ministerio hai unha completa guía sobre a avespa asiática que se basea na súa maior parte nas investigacións de campo desenvolvidas en Francia, o país por onde se cre que entrou a velutina en Europa. O documento sinala como época máis recomendable para o trampeo os meses de outubro a novembro, estimando que é nese período cando se produce a migración das novas raíñas cara aos seus tobos de hibernación, onde botarán aletargadas até febreiro ou marzo.

Porén, aquí en Galicia observouse que a vida das colonias pode chegar a superar amplamente ese prazo e, polo tanto, supoñer un retraso no inicio da hibernación ata finais de decembro e incluso xaneiro, tendo en conta que os invernos dos últimos anos están sendo máis suaves do normal, con ausencia de xeadas fortes e a ausencia de chuvias torrenciais. De aí que no noso caso aínda esteamos nun momento axeitado para trampear.

En youtube hai unha chea de tutoriais para construír trampas de diversos tipos, tamaños e custes. Seguindo o esquema proposto polo ministerio -que copia os deseños franceses e que, ademais, é o máis barato- o máis aconsellable é coller unha botella de plástico de litro e medio de capacidade e cortarlle a súa parte superior, que despois se volverá poñer invertida coma un funil sobre a abertura que queda.

É importante poñerlle algún tipo de cuberta a xeito de pequeno tellado que impida a entrada de auga da chuvia. Pero aínda é máis importante practicar alomenos tres buratos laterais que permitan a saída doutros insectos, dous deles de 1.5 mm. de diámetro preto do borde superior e, o terceiro, duns 25 mm. e forma trapezoidal, situado ao nivel do líquido atraente.

Como líquido valen as mesturas habituais que combinen unha parte alcólica e outra doce -vermú, cervexa, viño branco, zume de arandos, etc.- e, segundo o esquema do ministerio, ten que encher alomenos un tercio do recipiente. A novidade con respecto ao que se fai habitualmente é que o líquido ten que ir enchoupado nunha esponxa. A súa efectividade será a mesma contra a velutina, que non poderá fuxir do engado, pero evitará que outros insectos morran por afogamento e facilitaralles que poidan marchar por algún dos tres furados laterais.

As trampas caseiras semellan, polo de agora, o único método preventivo que pode dar algún resultado neste tempo, á espera de que prosperen as investigacións que se están levando a cabo para sintetizar unha feromona que atraia unicamente á velutina. Desde o ámbito da apicultura aconséllase utilizalas preto de onde se atopasen niños esta temporada. Por último, volvemos insistir en que se detecta algunha colonia de velutina que poida quedar aínda activa hai que chamar ao 012 para que a eliminen.